21 de outubro de 2010

OS CRUCEIROS.

AS ENCRUCILLADAS DE CAMIÑOS

Neles adoita haber cruceiros ou petos de ánimas , que son obxectos de culto e parte integrante da paisaxe galega. Os cruceiros naceron unhas veces para cristianizar lugares de antigo culto pagán, para substituír quizais monumentos dedicados a divindades primitivas ou ós lares viais, que eran os deuses dos camiños na Gallaecia romana.

Os cruceiros, sen embargo, non son exclusivos das encrucilladas, hainos que marcan a fronteira coa parroquia veciña -cruzamentos de termo-, outros sinalan cada estación do vía crucis e outros recordan un accidente mortal ou un fusilamento. Algúns levan unha inscrición co nome de quen o mandou facer, co fin de pedir unha oración pola súa alma ou polos defuntos, en xeral. Ante os
cruceiros paran os cortexos fúnebres que se dirixen ó cemiterio e incluso se coloca o ataúde sobre unha mesa de pedra que algúns teñen; alí recítanse responsos.

Noutras encrucilladas de camiños pode haber petos de ánimas, petos para as almas do purgatorio, formados por un retablo onde arden en chamas as almas do purgatorio, mentres a Virxe ou algún santo as vén sacar de alí cun escapulario ou cun cordón para que se agarren a el. Colócanse nos camiños para que os viandantes recen polas almas necesitadas.
Nos cruceiros aparécense as ánimas e dan sinais de que alguén vai morrer pronto. As bruxas reúnense nas encrucilladas, especialmente diante dos cruceiros. A encrucillada é elemento imprescindible para ritos catárticos, profilácticos e de fecundación. A noite de San Xoán préndese o lume en moitas encrucilladas de camiños; tamén se queimaban as bruxas. A importancia das encrucilladas vén dada por se-lo lugar de encontro do outro mundo -ánimas , bruxas e demos- cos deste. Na encrucillada conflúen os camiños procedentes do mundo oculto/deshabitado e os do mundo visible/habitado.

Sem comentários:

Enviar um comentário